Pois si, sabemos que imos ficar un pouco como trapalleiros, pero adiamos a data do foro sine die... por que? pois porque agora mesmo non temos tempo para dedicar a preparalo e telo na data que queriamos (ademais de que algún de vós nos dixo que para esa data lle viña mal). Este mes, e o que segue, as nosas outras obrigas teñen o noso lecer bastante secuestrado e non podemos empregalo neste proxecto, como xa vos decatariades pola falta de actualización do sitio, non por falta de novas, senón de tempo para publicalas. Por tanto, antes de facer un foro que sexa unha trapallada, escollimos seguir traballando aos poucos, sen data fixa, para cando podamos e teñamos as cousas máis atadas, si xa poñer día e lugar.
Por outra banda seguimos agardando as vosas suxestións, e tamén lembramos que se hai algún voluntario para axudarnos na actualización do sitio ou para organizar o foro, que temos os brazos abertos.
Andade atentos e... un milleiro de falangullos máis para o galego!
A Deputación de Cádiz convocou a segunda edición do concurso de podcast ¿Tienes algo que contar? co objectivo de promover a participación cidadá na creación de contidos para Internet a través do podcasting.
O concurso púxose en marcha o 3 de abril e pode participar calquera persoa maior de 14 anos con residencia no estado español (non limos nada do idioma).
Na edición deste ano hai dúas categorías: Creación (poesía, narrativa, teatro, música, plástica, experimentación sonora, visual ou multimedia) y Documento (contidos relacionados con acontecimentos históricos, testimonios, divulgación, viaxes, recuperación de tradicións, oficios e costumes do medio rural...). Pode participarse con podcast de son ou de video. Tamén vai haber premios do público, para o que van habilitar un sistema de votación en liña no portal do concurso, podcast-cadiz.org. Hai de prazo até o 11 de maio.
+ info: http://www.podcast-cadiz.org/
Despois dos problemas de tempo para seguir preparando o tema e os días de lecer (ben merecidos) retomamos a cousa de facer a xornada podcasteira da que falabamos semanas atrás. Optamos por chamalo I Foro Podcasteiro Galego, pero estamos abertos a suxestións; de feito esta entrada é para recoller as vosas propostas. Queremos que o foro non sexa cousa só de Podgalego.org, senón de todos os podcasteiros galegos; nós xa temos a nosa idea do que queremos facer, pero estamos abertos a novos puntos de vista.
A data que estamos agora a barallar, despois de adialo tanto, é o 10 de maio, para ter así marxe de manobra para preparalo todo o mellor que se poida.
Nada máis, agardamos as vosas ideas, tanto nos comentarios a esta entrada como grupo de podgalego.
Para compensar un pouco a demora en publicar algunhas destas novas, imos facer apenas referencias con ligazóns onde poder saber máis delas:
Mariano Grueiro, considerado o primeiro galego nisto de probar co podcasting co seu desaparecido Plan Galicia, anunciou no seu blog que se presenta ao Senado nas Xerais deste ano, pola candidatura que o POSI presenta na provincia de Lugo. Alí, dá conta dos motivos polos que tomou esta decisión e entrevístase a si mesmo consciente da pouca difusión que a súa candidatura vai ter nos media. Nós, como non somos un grande media, e el é podcasteiro, si damos a nova. Sorte o día 9 Mariano (Grueiro)!
+ info: http://grueiro.blogaliza.org/2008/02/22/m...