Iniciar sesión

ACoruñaSon

A Coruna SonQueremos facernos eco da interesante proposta de ACoruñaSon.
Trátase dun certame de creación de canción popular organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña e co apoio da Radio Galega, Gadisa e Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Este Certame ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego.
Os autores/-as participantes no certame deberán subir os vídeos ou MP3 das súas cancións orixinais á web http://acorunason.eu entre o 16 de xaneiro e o 5 de marzo de 2007. Todos os usuarios/-as rexistrados na web e os oíntes de “Aberto por Reformas” da Radio Galega terán a oportunidade de votar polas súas cancións favoritas. Destas votacións sairán un total de 30 seleccionadas, entre as que o director técnico do Certame, Santiago Auserón, escollerá os 10 autores premiados. [...] O anuncio dos 10 autores/-as gañadores darase a coñecer publicamente o día 10 de marzo de 2007.
Os dez autores/-as seleccionados terán como premio a asistencia a un obradoiro de canción popular dunha semana de duración impartido por Santiago Auserón, primeira figura da creación, a interpretación e o estudo da música popular peninsular, onde traballarán as súas propias composicións. Así mesmo as Concellarías de Cultura e de Mocidade asumirán a gravación e edición dun disco colectivo coas composicións dos dez autores premiados.
[...]
Unha vez rematado o Obradoiro, a web http://acorunason.eu manterase con vocación de continuidade para que os autores/-as de canción popular en galego poidan continuar a subir e dar a coñecer as súas composicións, de modo que cumpra a función de plataforma de promoción e difusión da música popular en galego a través da Rede.

+ info: http://acorunason.eu