Desde hai uns días, o noso bo amigo dorfun puxo a andar un movemento asociado ao podcasting coa fin de promocionar este formato de comunicación. O certo é que algúns empezamos a facer radio do mesmo xeito que el agora distribúe os falangullos, a xeito de podcast analóxico (aínda que o soporte sexa dixital).
Eís o seu manifesto:
Podcrossing ...coma o bookcrossing, pero con podcasts!
O intercambio de obxectos debe ser, despois do sexo, un dos xeitos de relación social máis estendido do mundo. Agora que as relacións interpersoais están tornándose en novas definicións coa intromisión da rede internet, existen aínda certos movementos que, mantendo os métodos tradicionais analóxicos, fan uso desas novas capacidades tecnolóxicas que se ofrecen hoxe en día.
O bookcrossing é o máximo expoñente deste tipo de accións. Un rexistro en-liña onde queda reflectida a vida dun libro, que por miles de posibles motivos distintos, unha persoa decide ceibar nalgún punto do planeta, agardando que un curioso o recolla. Tan simple coma iso: un colle un libro, rexístrao en bookcrossing.org e libérao coa esperanza de que quen o recolla reflita na mesma web o interese mostrado no libro... e así, ad-infinitum.
Con esta idea de partida nace o Podcrossing. Os podcasts, esa especie de locucións embebidas en arquivos de audio distribuidos pola rede coma sementes, están ocupando un espazo, coma o que anos atrás ocupaban as radios universitarias, locais, piratas,... Pero esa conexión puramente dixital, en ocasións impide que a difusión destes medios alcance a todo o mundo, sobre todo a aqueles que non teñen acceso a ese tecido enredado de bits.
A idea do podcrossing é ben sinxela: gravar un cd de audio co contido dun podcast e perder ese cd nalgún lugar concorrido. Así, sen máis... ben, igual estaría ben escribir na carátula os enderezos web e nomes dos podcasts incluídos. Pero permitir en calquera caso, que a sorpresa do descoñecido poda cativar para sempre ó inocente oínte.
Se a persoa que os escoite gusta do contido, estou ben seguro de que ha facer todo o posible para continuar con esta afección.
Lanzada está a idea, alguén ten algunha opinión ou suxestión?
Ceiba os teus falangullos! Que ouveen polos camiños!
Comentarios
k7 Podcrossing!!
spectacular idea!! reivindico tamén o formato K7 para o Podcrossing , e a posibilidade que podgalego produza o primeiro cd ou k7 con mostras dos podcast galegos feitos no país para perder nas rúas e nos camiños xordos.... que os podcast galegos ouveen ceives!!
ZIMMER103
Zimmer, semella que tes
Zimmer, semella que tes pensado facer un podcás terrorista, estilo a "chamada" de V de Vendetta. Ouveo perigoso!
:D
Nicoletto