Pois si, sabemos que imos ficar un pouco como trapalleiros, pero adiamos a data do foro sine die... por que? pois porque agora mesmo non temos tempo para dedicar a preparalo e telo na data que queriamos (ademais de que algún de vós nos dixo que para esa data lle viña mal). Este mes, e o que segue, as nosas outras obrigas teñen o noso lecer bastante secuestrado e non podemos empregalo neste proxecto, como xa vos decatariades pola falta de actualización do sitio, non por falta de novas, senón de tempo para publicalas. Por tanto, antes de facer un foro que sexa unha trapallada, escollimos seguir traballando aos poucos, sen data fixa, para cando podamos e teñamos as cousas máis atadas, si xa poñer día e lugar.
Por outra banda seguimos agardando as vosas suxestións, e tamén lembramos que se hai algún voluntario para axudarnos na actualización do sitio ou para organizar o foro, que temos os brazos abertos.
Andade atentos e... un milleiro de falangullos máis para o galego!
Despois dos problemas de tempo para seguir preparando o tema e os días de lecer (ben merecidos) retomamos a cousa de facer a xornada podcasteira da que falabamos semanas atrás. Optamos por chamalo I Foro Podcasteiro Galego, pero estamos abertos a suxestións; de feito esta entrada é para recoller as vosas propostas. Queremos que o foro non sexa cousa só de Podgalego.org, senón de todos os podcasteiros galegos; nós xa temos a nosa idea do que queremos facer, pero estamos abertos a novos puntos de vista.
A data que estamos agora a barallar, despois de adialo tanto, é o 10 de maio, para ter así marxe de manobra para preparalo todo o mellor que se poida.
Nada máis, agardamos as vosas ideas, tanto nos comentarios a esta entrada como grupo de podgalego.
Mentres non organizamos por Podgalego.org unha xuntanza oficial de podcasteiros, que ganas non faltan pero agora mesmo as obrigas nolo impiden, imos facer pública a chamada que a xente de Sounds OK nos fixo chegar:
Desde Sounds OK estamos intentando organizar una quedada, aunque no sea la oficial de podgalego nos gustaria compartir una tarde entre podcasters y blogueros, preferiblemente seria el martes 5 (Dia de carnaval) por la tarde, no sé si podeis hacer esto pero nos gustaria recibir opiniones lo antes posible para poder organizarnos.
Muchas gracias, un saludo.
Ben, pois ficades todos convocados. Deixamos aberta a porta dos comentarios por se queredes canalizar a hora e o lugar por aquí, por podgalego, ou no grupo de Google que abrimos días atrás. Para o que queirades ;)
Eu, se podo vou. :)
Actualización: Sabemos que preparado con tan pouco tempo pouca xente ha ir, mais acougade, que xa estamos desde podgalego.org, coas referencias dos comentarios e correos que nos están chegando, traballando para artellar unha xuntaza máis cobizosa. Con todo, posto que os amigos de Sounds OK deixaron nun comentario lugar e data, poñémolo aquí, máis visíbel para que todo o mundo o vexa. A cita é en Compostela, no Abrigadoiro, na rúa Carreira do Conde, 5, a iso das oito da noitiña do martes 5 (deixamos un mapa do google para que vos orientedes).
A el dálle aquel que o digamos, pero o noso compañeiro Sak, pioneiro no podcasting en galego co seu magnífico e, mágoa, desaparecido e-music (a ver se un día fai algo para subilo á rede outra vez), pasou de ter un falangullo a ser o flamante presentador e director de Radio Oceánica, en Radio Galega Música, recollendo o testemuño de Noel Feáns, anterior director do programa.
Sak comenzou con isto aló polo ano 2002, na Cuac FM; tempo despois cando, no 2004, buscaba o xeito de facer radio en liña na internet, deu co tema do podcasting, e aló que foi convencido de que o sistema tiña futuro. Nun principio, creaba os rss código en man, o valente; e foi así que o seu e-music, vía podcast, comezou medrar en popularide entre os internautas galegos. O seu bo facer e a súa voz, persoal e cálida, facianos crer, e desexar a moitos, que o seu sitio estaba nunha emisora de radio grande, e eis que agora o temos na Radio Galega. E ben cheos e orgullosos que estamos!
E como a cabra tira ao monte, vai retomar a publicación de Radio Oceánica en formato podcast, que estaba parada desde o mes de xullo pasado, o cal nos vén ben aos despistados que esquencemos que todos os domingos temos cita con el a iso das 22:00 h.
E ademais é bo rapaz!




A semana pasada, un podcasteiro lembrounos que esquenceramos poñer os botóns para que nos podades ligar desde os vosos sitios ou blogs, e puxémonos con iso. E esta mañá tamén nos lembraron aquela promo que fixeramos para se queriades inserila no medio dos episodios e así facer un pouco de grupo, comunidade ou marca podcasteira galega, e tamén o rescatamos (anexo a este artigo, nun .zip, unha en mp3 e outra en ogg). E xa postos, pensamos, por que non facer unha lista de correo onde plantexar as dúbidas ou as suxestións ao resto dos falangulleiros? e vimos que podía ser boa idea, e creamos un google-grupo para iso, por tanto, se queredes participar do grupo, só tes que entrar aquí. Ben, si que hai un cativo detalle preciso, ter conta en Google, agardamos non vos saian ronchas por iso.
As imaxes para ligarnos:
80x15 px
100x25 px
120x30 px
140x35 px
180x35 px
Se estes tamaños non se axeitan co voso blogue e queredes outro, non dubidedes e dicírnolo, e veremos de adaptalo ás vosas necesidades.



